Cantas cousas podemos facer nunha biblioteca? - Faro de Vigo

farodevigo.es

This article has been shared by pedrolaz with wallabag.

Son o corazón dos centros educativos. Lugares de reunión, de aprendizaxe, de viaxes a través das historias dos seus libros... Falamos das bibliotecas escolares galegas, espazos protagonistas da vida escolar e que nos últimos anos foron o centro de diferentes programas de innovación educativa.

Precisamente por iso son dos rincóns que máis cambios estruturais sufriron nos últimos anos, converténdose en referentes estatais para traballar os diferentes sistemas de aprendizaxe e das competencias dixitais. 

Dentro dese plan de actuación, a Xunta de Galicia desenvolve o Plan Lía (Lectura, Información, Aprendizaxe) para converter as bibliotecas escolares en verdadeiros laboratorios de aprendizaxe nos que traballar todas as materias e todas as linguaxes, dende a radiofónica e a audiovisual ata a da programación. Pura creatividade!

Neste último caso, destaca o programa Biblioteca Creativa, que ten como obxectivo estimular a iniciación do alumnado de Infantil e Primaria no campo do pensamento computacional a través de actividades manipulativas, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado.

Biblioteca Creativa en Acción e o nome baixo o que se sesenvolverán dous dos obradoiros plantexados para o VIII Foro de Educación dos días 20 e 21 de setembro.

Estes, capitaneados por Carlos Gallego, Pablo Otero e Mark Ritchie, divídense en dúas perspectivas artísticas: Obradoiro de Collage Orixinal e Obradoiro de Cianotipia “Caras e lugares”.

Neste obradoiro proponse a técnica do collage como método para comprender e representar o mundo que nos rodea dunha maneira creativa. Mediante distintos exercicios, os participantes descubrirán diferentes estratexias para converter sinxelos recortes de papel en todo tipo de elementos naturais e obxectos cotiáns.

Conta Carlos Gallego, quen coordinará este obradoiro, que será unha xornada interesante tanto para docentes como familias, e ademáis para todas as idades. “Cada un atopará fácilmente o xeito de levar esta experiencia ó seu terreo. No caso dos docentes, descubrirán unha metodoloxía nova para crear imaxes que poderán usar nas aulas. En canto ás familias, unha actividade manual para exercitar a creatividade e conseguir fermosas ilustracións”.

“Hai que cambiar a mirada e redescubrir ferramentas para ver doutra forma o mundo que nos rodea”

E é que a creatividade dos máis pequenos enmarca unha forma diferente de ver e explorar o mundo, e a medida que medramos imos coartando esta libertade creadora con filtros, prexuicios e inseguridades, “pero tamén gañamos experiencias e coñecementos que fan que as nosas ideas sexan máis orixinais. Temos que conseguir combinar a actitude espontánea e “xoguetona” cas nosas competencias e motivacións” explica o artista.

Así, convertimos o collage nunha experiencia lúdica na que cambiar a mirada e descubrir unha nova forma de crear imaxes: “usaremos a técnica do collage para representar o mundo que nos rodea e conseguir sorprendentes ilustracións sen que importen as habilidades técnicas” remata Carlos Gallego.

Pola súa banda, Mark Ritchie e Pablo Otero presentarán o Obradoiro de cianotipia, unha técnica artesá de impresión de negativos en monocromo, feita dende unha emulsión que vai revelar as imaxes como reacción da luz ultravioleta a unha mestura química e, sobre calquera soporte absorbente en diferentes tons de cor azul. “A Cianotipia coma técnica empregada no ensino non deixa de ser outra fabulosa excusa para aprender, compartir ideas e visións ou, facernos cun discurso e pensamento estético, sobre o mundo” explica Otero.

Co nome “Caras e lugaresé un obradoiro de creatividade sobre retratos e paisaxes íntimas. En palabras dos seus organizadores, trátase dunha experiencia de aprendizaxe comunitaria e de intercambio de ideas, mais tamén dunha exploración estética moi persoal e das posibilidades expresivas que ofrecen formatos e técnicas da Arte coma o Silhouette e máis a Cianotipia: “Caras e lugares é unha boa excusa para que un grupo de descoñecidos pasen xuntos unha tarde gozando de tecnoloxías de hai dous séculos e facendo algo de beleza"

En definitiva, os dous obradoiros de Biblioteca Creativa conforman un todo queofrece unha fermosa oportunidade para traballar xuntos, e para compartir outros xeitos de mirar.